Books

o livro do dragom

Roberto Samartim constroi n’o livro do dragom umha comunidade de afetos em que é reelaborada umha mitologia próxima e humilde, umha geografia emocional. A voz desdobra-se, reflexiva, transcendente, para abrir-se a umha multiplicidade de outros/as. Como se fosse a confissom, a conversa, a partilha, a base dessa comunidade.

O livro mostra, também, umha inflexom no tempo. Um olhar para atrás, um percurso através da memória que é menos nostálgica do que, outra vez, comunal, comunitária, e a imaginaçom de um horizonte de futuro só levemente esperançoso mas que, em qualquer caso, foge de derrotismos e apela ao (re)encon-tro, tanto no plano pessoal como no coletivo.

14,00 
Quick View

Campo de Pullas

O trío poético de ases que conviviron no Século de Ouro da literatura española, Góngora, Lope de Vega e Quevedo, son os protagonistas desta antoloxía de poemas satíricos e burlescos que se cruzaron cun maxistral e, ás veces irreverente enxeño, nunha guerra dialéctica seguida de preto polos lectores da época. O carácter da obra é divulgativo, e achega as claves para a compensación, ás veces moi difícil sen elas, das sátiras. Adobiado todo cunha recollida de feitos e curiosidades que axudan a colocar a actividade poética dos heroes áureos no marco axeitado.

15,00 
Quick View

Vite de Compostela: a comunidade (auto)construída

Vite de Compostela: a comunidade (auto-)construída estuda as transformações de Vite entre 1978 e 2002, nos primeiros 25 anos da ocupação do bairro.

Da conflitividade e descontentamento inicial derivou num espaço residencial muito bem valorizado polos seus residentes e na cidade. Foi uma experiência considerada modelar na Galiza e em Espanha e que conseguiu mesmo projeção internacional. Na mudança influiu que se deixasse de pôr o foco na delinquência e marginalidade e se situa-se na integração e inclusão das pessoas residentes, com dotações e serviços para melhorar sua qualidade de vida. Para os progressos efetuados resultárom decisivas as mobilizações da população; e o plano sociocomunitário do bairro, em andamento desde 1990, que impulsou a associação de vizinhos Polígono de Vite. Esse plano favoreceu a organização de atividades culturais, educativas, de saúde, de ócio e tempo livre, desportivas, formação laboral, procura de emprego, cuidado do ambiente e outras, orientadas para toda a comunidade, com apoio das Administrações Autonómica, Estatal e Local.

Esta monografia realizou-se com a consulta de documentos muito diversos, dando especial relevo ao jornalismo de proximidade; e através do diálogo com numerosas pessoas, vizinhas do bairro e do exterior (profissionais e especialistas da Justiça, Ensino, Sanidade, Serviços Sociais, do movimento vizinhal de Compostela, funcionariado e da Política…) para ajudar a compreender o processo, culminado com êxito nesse período.

Este texto, escrito nos inícios dos anos 2000, sai agora à luz com ViteArquiva, projeto que recolhe, arquiva e comparte a memória social de um bairro, deste bairro de Vite.

→ Podes conseguir, de graça, cópias físicas do livro no Centro Sociocultural José Saramago de Vite, perguntando por ViteArquiva — ou descarregar o PDF íntegro e sem custo colocando este livro no teu carrinho e completando o processo de compra.

0,00 
Quick View

Agrarios e outras expresións asociativas en Coruxo

Nada máis nacer o século XX, un pequeno grupo de labradores e obreiros de Coruxo fundaron nesta parroquia a primeira sociedade agraria do concello de Bouzas, e iniciaron así un proceso de democratización social onde os agrarios actuaron como polo receptor das novas formas de pensamento e organización económico-social que se espallaban polo país. Cos anos, o espírito asociativo alcanzou outros ámbitos profesionais, como o dos traballadores das industrias conserveiras ou o dos mariñeiros de gamela, e fenómenos socioculturais, como o deporte e a música popular.

Neste traballo, Bernardo Vázquez Acuña (Oia-Vigo.1962) mergúllanos de novo nun escenario escasamente transitado pola historia: o microcosmos dunha parroquia. Móstranos como os homes e mulleres de Coruxo participaron das grandes transformacións do primeiro terzo do século XX, aquel tempo histórico tan singular no que o mundo mudou irremediablemente.

Aquí os protagonistas non son laureados xenerais de grandes exércitos nin ilustres intelectuais das elites urbanas. É a veciñanza de Coruxo, conformada por obreiros, labregos e mariñeiros, “os descartes da historia”, que, malia o lastre da pobreza e o analfabetismo, se organizou en distintas sociedades para avanzar e mellorar de xeito colectivo. Eran os Alonso, Comesaña, Costas, Doiro, Fernández, Italiani, Lago, Prado, Rodríguez ou Vázquez; auténticos axentes xeradores dunha forza revolucionaria e modernizadora: o asociacionismo.

20,00 
Quick View

Feminismo de proximidade

O libro que tes nas mans é unha recompilación, unha selección de artigos, relatorios, investigacións e proxectos publicados en diversos medios, cun claro fío condutor: a muller e a súa condición. A proposta recolle feitos actuais, repasa aspectos históricos, reivindica accións positivas, fai visibles situacións. Máis que receitas para solucionar problemas, son reflexións profundas escritas con prosa fluída e apracíbel.

Ler este libro é unha viaxe por Pontevedra, Compostela, Madrid, Alacant, Cerdedo ou Alhucemas (Marrocos). Así, en «As cidades e o xénero» descúbrenos o androcentrismo arquitectónico que leva a deseñar as cidades en función do estereotipo masculino. En «Mulleres e represión na Terra de Montes», fai visible os trazos de xénero da represión franquista sobre as mulleres desa bisbarra. En «Mulleres no rural» ou en «As montañas do Rif en feminino» trasládanos a vida das mulleres que, malia vivir a miles de quilómetros, teñen eivas similares…

Estas páxinas tamén amosan a faceta docente de Lola: dunha banda, como profesora de literatura, achéganos en «Unha muller do seu tempo» a ideoloxía social progresista e reivindicativa de Rosalía de Castro a prol dos dereitos das mulleres; doutra, como docente e feminista, fálanos da necesidade de mudar as formas de relación de dominio patriarcal que non contribúen ao benestar das mulleres e dos homes, da percepción que ten a mocidade sobre a igualdade, a prostitución, a valoración do corpo feminino ou a diversidade sexual e de xénero nas nosas aulas.

15,00 
Quick View

A primeira resistencia armada ao golpe militar na Galiza (1936-1940)

O fenómeno da resistencia armada, en xeral, e da guerrilla en particular, conta na Galiza cunha abondosa produción bibliográfica, á que continuamente veñen sumándose biografías de loitadores antifranquistas, historias locais, estudos das diferentes tendencias ideolóxicas presentes neste movemento ou, máis recentemente, aspectos transversais tal que a relación das guerrillas coa sociedade rural na que nace ou actúa, a guerrilla do “chan” e moi especialmente a participación da muller. A maior parte dos traballos de investigación histórica reflicten o que foi a actividade das grandes organizacións aglutinadoras da resistencia guerrilleira (Federación de Guerrillas de León-Galicia, Ejército Guerrillero de Galicia), nos anos 40 do século pasado. E, malia todo, existe unha prehistoria da actividade destas agrupacións que afunde as súas raíces na aínda pouco coñecida resistencia armada levada a cabo na retagarda durante os anos da Guerra Civil e que, mesmo, pode se relacionar con algunhas actividades clandestinas dos tempos da IIª República. O obxectivo desta achega, é o de ofrecer unha visión de conxunto sobre esta temática a penas transitada.

15,00 
Quick View