«Em Selecta Companha» é o selo no que publicamos desde uma perspetiva editorial mais clássica, aplicando os nossos próprios critérios de temática, correçom, design, etc.
A História da Luz: breve biografía política e conversa com Luz Fandiño
Luz Fandiño (Santiago de Compostela, 1931 – 2024) tornara-se nas últimas décadas da sua vida umha figura central na vida cultural, social e política da cidade que a viu nascer. Sempre alegre, à vez que combativa, raro era nom vê-la em mobilizaçons e atos de todo tipo, sempre rodeada de gente várias décadas mais jovem do que ela mas com as que sintonizava dumha maneira especial e às que transmitiu umha maneira de militar.
Dumha conversa da Luz com esta mocidade que a admirava, no extinto Grupo de Estudos da Fouce, parte o texto que serviu de pau para erguer este palheiro. O historiador Antom Santos contextualiza este relato de vida com os momentos históricos que a atravessárom: a infância na Compostela obreira de pós-guerra — e a geografia popular da mesma — ; a emigraçom à Argentina do primeiro peronismo e ao Paris do Maio revolucionário; e o seu regresso à Galiza pós-franquista.
A primeira resistencia armada ao golpe militar na Galiza (1936-1940)
O fenómeno da resistencia armada, en xeral, e da guerrilla en particular, conta na Galiza cunha abondosa produción bibliográfica, á que continuamente veñen sumándose biografías de loitadores antifranquistas, historias locais, estudos das diferentes tendencias ideolóxicas presentes neste movemento ou, máis recentemente, aspectos transversais tal que a relación das guerrillas coa sociedade rural na que nace ou actúa, a guerrilla do “chan” e moi especialmente a participación da muller. A maior parte dos traballos de investigación histórica reflicten o que foi a actividade das grandes organizacións aglutinadoras da resistencia guerrilleira (Federación de Guerrillas de León-Galicia, Ejército Guerrillero de Galicia), nos anos 40 do século pasado. E, malia todo, existe unha prehistoria da actividade destas agrupacións que afunde as súas raíces na aínda pouco coñecida resistencia armada levada a cabo na retagarda durante os anos da Guerra Civil e que, mesmo, pode se relacionar con algunhas actividades clandestinas dos tempos da IIª República. O obxectivo desta achega, é o de ofrecer unha visión de conxunto sobre esta temática a penas transitada.
Agrarios e outras expresións asociativas en Coruxo
Nada máis nacer o século XX, un pequeno grupo de labradores e obreiros de Coruxo fundaron nesta parroquia a primeira sociedade agraria do concello de Bouzas, e iniciaron así un proceso de democratización social onde os agrarios actuaron como polo receptor das novas formas de pensamento e organización económico-social que se espallaban polo país. Cos anos, o espírito asociativo alcanzou outros ámbitos profesionais, como o dos traballadores das industrias conserveiras ou o dos mariñeiros de gamela, e fenómenos socioculturais, como o deporte e a música popular.
Neste traballo, Bernardo Vázquez Acuña (Oia-Vigo.1962) mergúllanos de novo nun escenario escasamente transitado pola historia: o microcosmos dunha parroquia. Móstranos como os homes e mulleres de Coruxo participaron das grandes transformacións do primeiro terzo do século XX, aquel tempo histórico tan singular no que o mundo mudou irremediablemente.
Aquí os protagonistas non son laureados xenerais de grandes exércitos nin ilustres intelectuais das elites urbanas. É a veciñanza de Coruxo, conformada por obreiros, labregos e mariñeiros, “os descartes da historia”, que, malia o lastre da pobreza e o analfabetismo, se organizou en distintas sociedades para avanzar e mellorar de xeito colectivo. Eran os Alonso, Comesaña, Costas, Doiro, Fernández, Italiani, Lago, Prado, Rodríguez ou Vázquez; auténticos axentes xeradores dunha forza revolucionaria e modernizadora: o asociacionismo.
Crónica da Galiza de Jean Froissart
«A arredor de case dúas leguas francesas da cidade de Santiago de Galiza, saíron fóra cara á chegada do duque e da duquesa o clero todo da cidade portando dignas reliquias, cruces e mais gonfalóns homes, mulleres e rapaces, traendo os homes con eles as chaves da cidade, que presentaron con semblante de boa vontade para o duque e a duquesa (non sei se o finxían ou era certo), e axeonlláronse todos, acolléndoos como seu señor e señora.
» Carnes e viños fortes atopaban abondo, dos que bebían en especial os arqueiros, e tanto bebían que os máis dos días se deitaban totalmente bébedos. E moitas veces, ao beberen demasiado — pois era o tempo da vendima — andaban os máis esfurricados, e pola mañá doíalles tanto a testa que non se daban remexido no día todo».
Jean Froissart é um dos mais importantes referentes no estudo da baixa idade média. A sua longa crónica da Guerra dos Cem Anos recolhe as campanhas militares na nossa terra, em duas ocasons: quando o filho do Príncipe Negro estivo a ponto de ser Rei da Galiza, e quando o seu irmão o Rei John of Gaunt reclamou também o trono para si, em aliança com Portugal e em oposição a Espanha.
Nesta excelente traduçom comentada de Henrique de Harguindey podemos constatar a relevância da Galiza no contexto geopolítico medieval: a sua existência, em boa medida, como um conceito oposto a essa Espanha que designa ainda o território historicamente sob governo muçulmano, as suas difusas fronteiras culturais que chegam a Melgaço e Castela, ou a sua principalidade entre os reinos peninsulares. Podemos ver o espírito cavaleiresco baixomedieval e as façanhas de armas arredor das vilas galegas — mas também as formas de viver do povo alheio a um conflito de elites.
Harguindey revisita para nós esta tradución que xa foi no seu momento publicada gratuitamente no seu blogue, Palabras Desconxeladas. Alén de correxir alguns detalles, esta edición acrescenta comentários atualizados à luz de outros trabalhos feitos neste eido, e incorpora um prólogo de Anselmo López Carreira.
Jesús Pereira Vilariño, un mestre inesquecible
→ Á venda venda a partir do 4 d abril.
Jesús Pereira Vilariño, mestre, tivo por oficio e paixón a ensinanza. Comeza o seu maxisterio durante a República nas escolas públicas, en especial en Santa Cruz de Ribadulla. Tras o golpe de estado é sancionado e separado do ensino. Durante algún tempo traballa noutros oficios ata que retoma a docencia — en centros privados — e remata a súa traxectoria profesional na Escola Normal de Santiago de Compostela.